O Real Decreto 2085/1994, de 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, establece no seu artigo 6 que as instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos comunicaranse ao órgano competente da Comunidade Autónoma previamente á súa posta en marcha, e serán inscritas por este de oficio no rexistro previsto no artigo 44, da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do Sector de hidrocarburos.
Este rexistro, creado en Galicia por Orde do 24 de maio de 2006, é o Rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. O titular dunha instalación de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos para subministro a vehículos, unha vez finalizada a súa execución, e previamente á súa posta en servizo, deberá presentar comunicación a través do procedemento IN624C, elixindo entre a Sección I (con cambio de depositario) ou a Sección III (sen cambio de depositario).
A presentación da comunicación comportará a inscrición de oficio da instalación no Rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos na sección indicada. A inscrición no Rexistro non supón un pronunciamento favorable da administración sobre a idoneidade das instalacións respecto da normativa que lle sexa de aplicación.
Unha vez presentada a comunicación, poderase iniciar a actividade de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos, sen prexuízo das facultades de verificación e control das Xefaturas Territoriais da Consellería competente en materia de industria.
Calquera variación nos datos comunicados deberá ser comunicada a través do mesmo procedemento no prazo máximo de 15 días dende que teña lugar.